Poderán solicitar o recoñecemento da situación de dependencia en Galicia as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

  • Estar empadroado e residir no Concello de Frades na data de presentación da solicitude e telo feito durante cinco anos, dos cales dous deberán ser inmediatamente anteriores á data de solicitude. Para os menores de 5 anos o período de residencia esixirase a que exerza a súa garda e custodia.
  • Ter limitacións de autonomía que dificulten a realización de actividades básicas da vida diaria.

Documentación

  1. Copia compulsada do DNI/NIE do solicitante ou calquera outro documento acreditativo da súa identidade, no suposto de que non autorice á administración para o acceso por medios propios.

  2. Cando a persoa solicitante sexa un menor de idade, copia compulsada do libro de familia, que inclúa a folla na que apareza o nome do/a beneficiario/a, no caso de non posuír DNI.

  3. Acreditación da persoa representante do solicitante, no seu caso.

  4. Certificado de empadroamento que acredite a residencia nun municipio da Comunidade Autónoma no momento de presentar a solicitude, agás as persoas que estean sendo atendidas dentro do sistema público de servizos sociais 

  5. Certificado de empadroamento emitido polos concellos correspondentes que acrediten a residencia da persoa solicitante en España durante cinco anos, dos cales dous deberán ser inmediatamente anteriores á data de presentación de solicitude. Para o caso de menores de cinco anos, certificado de empadroamento que acredite a residencia de quen ostente a súa representación.
    No suposto de residentes que carezan da nacionalidade española presentarán certificado emitido polo Ministerio del Interior que acredite o cumprimento dos mesmos períodos.

  6. No caso de ser emigrante retornado e non cumprir o requisito do período de residencia, acreditarase esta circunstancia mediante certificado de emigrante retornado expedido pola delegación do Goberno ou mediante a baixa consular.

  7. Informe de condicións de saúde  emitido por un profesional do Servizo Galego de Saúde, doutras administración públicas que traten habitualmente á persoa solicitante ou de entidades concertadas ou conveniadas coa Seguridade Social ou réximes especiais.
    Terá carácter complementario os informes emitidos polos profesionais de entidades, asociacións e corporacións sen ánimo de lucro no ámbito da discapacidade, así como o emitido por profesionais de entidades xestoras de servizos sociais de institucionalización onde se atope o solicitante.

  8. Certificado de discapacidade coa puntuación de axuda de terceira persoa cando fora emitido por outra Comunidade Autónoma, se é o caso.

  9. Resolución de grao, se é o caso, cando sexa emitido por outra Comunidade Autónoma.

  10. Certificado de convivencia da persoa solicitante segundo Padrón Municipal.

  11. Declaración do IRPF, certificado de toda clase de pensións percibidas pola persoa solicitante ou declaración xurada de non percibilas, xunto coa autorización para a consulta e comprobación dos seus datos económicos, en cuxo caso non estará obrigado a presentar estes documentos.

  12. Copia compulsada, de ser o caso, do DNI/NIE do cónxuxe ou parella de feito, ascendentes ou fillos menores de 25 anos ou maiores en situación de discapacidade que dependan economicamente do solicitante. Cando existan menores de idade que dependan economicamente da persoa solicitante, copia compulsada do libro de familia no caso de que estes non posúan DNI.

  13. Declaración do IRPF, certificado de toda clase de pensións percibidas polo cónxuxe ou parella de feito, ascendentes ou fillos/as menores de 25 anos ou maiores en situación de discapacidade, economicamente a cargo da persoa solicitante, ou declaración xurada de non percibilas. (A autorización para a consulta e comprobación dos seus datos económicos exime da obriga de presentar estes documentos), e declaración responsable do seu patrimonio.