O Concello de Frades inviste máis de 48.000 euros na mellora das instalacións deportivas do campo municipal de fútbol de Abellá
O Concello de Frades vén de rematar as obras de mellora das instalacións deportivas do campo municipal de fútbol de Abellá. Uns traballos que supuxeron un investimento de 48.385 euros, financiados pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e que consistiron na construción dun vestiario mixto para a rapazada das escolas deportivas municipais e dunha cuberta no lateral suroeste do campo do Vedral para dar acubillo aos espectadores que presencian os partidos e adestramentos.
A nova cuberta do campo municipal do Vedral realizouse con paneis sándwich illantes, de aceiro galvanizado, sobre unha estrutura metálica de pórticos e unha cimentación de zapatas de formigón armado. Na zona de vestiarios, acondicionouse como vestiario mixto unha zona que ata o de agora era un espazo aberto que se utilizaba como almacén. Os traballos permitiron aumentar 2,3 metros o ancho da zona, ademais de colocarlle alumeado interior, construír un muro para separar as duchas da zona de vestiarios e pintar os vestiarios cunha pintura impermeable.
As obras, executadas pola empresa Construcciones José Lagares SL, iniciáronse o pasado 9 de outubro e rematáronse esta mesma semana, polo que as instalacións xa están dispoñibles para a súa utilización tanto pola rapazada das escolas deportivas municipais de Frades como polos deportistas das distintas categorías da SE Abellá SDC.
Uns traballos que teñen lugar semanas despois da finalización das obras de mellora da eficiencia enerxética na sala de ximnasia de Abellá, emprazada nun edificio anexo ao campo de fútbol do Vedral. Unha actuación na que se substituíron as carpinterías interiores do local, colocáronse paneis sándwich illantes de aceiro e renovouse completamente a instalación eléctrica, instalándose luminarias LED. A maiores, colocouse un pavimento continuo deportivo illante e aplicouse unha pintura exterior termoillante.