Centos de veciños de Frades celebraron a Festa de San Miguel cunha romaría na carballeira de San Nicolau
Varios centos de veciños e veciñas de Frades e de municipios veciños participaron onte domingo na tradicional Festa de San Miguel, unha romaría campestre que ten lugar na contorna da carballeira de San Nicolau. Unha festa que adoitaba ser festivo local pero que, para facilitar a participación veciñal xa que era o único lugar festivo da contorna, acordou adiantar dous días a celebración para que coincidira en domingo.
Un San Miguel no que o protagonismo da celebración volveu recaer nas familias e nos grupos de amigos do municipio, que se achegan a comer ata esta carballeira traendo da casa non só a comida, senón tamén as mesas, as cadeiras, as tendas de campaña, etc. Porén, para os que non quixeron traer as cousas da casa, tamén había unha polbeira para a ocasión.
A choiva estivo presente, pero mantivo unha temperatura agradable durante toda a festa e, a maiores, a organización puxera carpas á disposición da veciñanza, polo que a festa desenvolveuse con total normalidade. Churrasco, polbo, empanada e tortilla volveron ser as raíñas da xornada. E ás sobremesas caseiras tamén se poderían engadir as rosquillas, churros e demais larpeiradas dos distintos postos da feira.
O punto álxido da xornada tivo lugar coa saída en procesión do San Miguel pola contorna da capela e o inicio dos distintos xantares. O Dúo D’Vicio encargouse da sesión vermú e protagonizou a verbena nocturna canda Disco Móbil CDC. Tanto a procesión como os xantares da tarde estiveron animados polos acordes do grupo de gaitas “Son da Terriña” (Galegos).
A festa estivo presidida polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, quen estivo acompañado conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, así como polos alcaldes de Oroso, Ordes e Tordoia.