spacer
Vinte veciños e veciñas de Frades e Mesía participan nun Curso de Horta Ecolóxica

Unha vintena de veciños e veciñas de Frades e de Mesía iniciaron esta fin de semana un curso de horta ecolóxica, que terá lugar os próximos catro sábados no multiúsos de Frades, para as clases teóricas, e nunha finca municipal de Mesía, para as prácticas. O concelleiro de Cultura, Juan Carlos Portos Bra, asistiu a esta primeira sesión e destacou a boa acollida que ten este tipo de formación “na que o alumnado aprende a cultivar de forma sostible”. 

Unhas sesións nas que aprenderán a distinguir as distintas plantas e as súas funcións, as propiedades do chan e como controlar as pragas, enfermidades e malas herbas... todo dun xeito natural e ecolóxico. Este é o cuarto curso formativo que Frades e Mesía organizan de xeito conxunto en 2026 e co que superan o centenar de alumnos formados, concretamente 117 persoas.

Vinte veciños e veciñas de Frades e Mesía participan nun Curso de Horta Ecolóxica

A oferta formativa do Concello de Frades para este outono/inverno inclúe tamén cursos relacionados como o de sulfatos ecolóxicos, poda e enxertos, poda en verde, manipulación de produtos sanitarios, plantas aromáticas e medicinais ou xardinería. Canda eles, tamén figuran outras xornadas formativas como informática, mecanografía, alfabetización dixital, bailoterapia, apicultura e manipulación de alimentos.