spacer
A Xunta e o Concello asinan o convenio para a reforma e mellora da estación de tratamento de auga potable de Frades, orzamentada en 612.000 € e que estará operativa para o verán de 2027

O alcalde de Frades, Roberto Rey, e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, asinaron esta mañá o convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Frades para a execución da reforma e mellora da estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Ponte Carreira (Frades). Unha actuación que conta cun orzamento de 612.979,94 euros e un prazo de execución de tan so 4 meses, polo que o alcalde de Frades adiantou que estará operativa para o verán de 2027, data que corroboraron tanto a conselleira como o director de Augas de Galicia, Roi Fernández Añón.

Segundo dixo a conselleira, esta actuación dotará a Frades dun sistema de abastecemento de auga “máis moderno, seguro e eficiente”. De feito, a modernización das instalacións, que será cofinanciada nun 80% pola Xunta mentres que o Concello aportará o 20% restante, permitirá mellorar a calidade do servizo á poboación, así como contar un sistema máis preparado para afrontar períodos de seca, picos estacionais de consumo e futuras necesidades de abastecemento. De feito, a previsión é que se poida atender ata 2.300 persoas no horizonte 2046.

Solución aos problemas de abastecemento

Pola súa banda, Roberto Rey detallou que “co cambio climático estamos atravesando épocas de seca moi importantes porque, aínda que temos todo o concello abastecido, temos moitísimas granxas, moitísimas vacas que fai que teñamos un consumo de auga moi elevado e que quintuplica o número de habitantes que temos en Frades. Por iso, esta obra é moi importante para poder tratar máis auga e que teña unha maior calidade, xa que a actual potabilizadora é dos anos setenta e necesitaba dunha actuación urxente pois agora mesmo está traballando as 24 horas do día para poder dar servizo á veciñanza”.

O alcalde de Frades agarda que as obras “poidan comezar a principios do 2027 para que estea en servizo para o verán de 2027, o que será un alivio. Este verán salvámolo cun sistema que non dá xa para máis e para o ano agardamos que con esta actuación poidamos seguir mellorando o sistema de abastecemento de Frades e darlle un servizo de calidade aos veciños e veciñas”. Neste sentido, lembrou que “temos o 100% do concello abastecido e iso é froito do traballo que fixo durante moitos anos, con moitas desas obras financiadas pola Xunta de Galicia”. 

Finalmente, Rey Martínez aproveitou para agradecer a colaboración con Frades tanto da Xunta de Galicia en xeral como de Ángeles Vázquez en particular. “Primeiro foron catro ou cinco pontes que quedaran deterioradas polos temporais, despois foi a reparación do encoro da área recreativa da Presa e agora esta gran obra, na que levamos catro anos traballando”, enumerou o alcalde.

A Xunta e o Concello asinan o convenio para a reforma e mellora da estación de tratamento de auga potable de Frades, orzamentada en 612.000 € e que estará operativa para o verán de 2027

Nova planta compacta

En concreto, o obxectivo da actuación, que conta con cofinanciamento da Unión Europea a través  do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) é incrementar de forma significativa a capacidade de tratamento e mellorar a operatividade da ETAP, mediante unha nova planta compacta cunha capacidade de 50 m3/h (fronte aos 18 m3/h de capacidade máxima actual), a renovación dos bombeos e a modernización dos procesos de decantación e filtración.

Roi Fernández Añón explicou que as obras “aínda que levou bastante tempo planificalas, agora ten un prazo de execución bastante curto porque se basea principalmente en instalar un anexo prefabricado en aceiro inoxidable, polo que o prazo de execución será de catro meses e se poderán cumprir os prazos anunciados polo alcalde, reforzando o abastecemento a toda a poboación”. O director de Augas de Galicia sinalou que “a orixe era ampliar a 1.000 habitantes pero se levou a eses máis de 2.500 para que vos poda dar servizo tanto a un incremento de poboación como, sobre todo, de actividades como as granxas”.

Roi Fernández apuntou que as actuais instalacións “están funcionando 24 horas, iso significa que nin sequera se poden facer reparacións nela polo o que faremos é duplicala. Imos instalar unha nova potabilizadora nunha superficie de 11 metros cadrados, por 3 metros de ancho e 4 de alto, a carón da actual pero que ten as mesmas etapas e os mesmos procesos que outras grandes potabilizadoras, como a que visitamos onte en Padrón”. A maiores, vaise renovar as bombas da captación do río Tambre e parte da condución e do bombeo de auga bruta, para poder aportarlle 50 m3/hora e duplicar a capacidade actual de potabilización. En canto á depuradora en si, o director de Augas de Galicia avanzou que “ides ter adaptado ás vosas necesidades as mesmas funcionalidades que están en calquera potabilizadora”. Ademais, adaptarase o espazo da potabilizadora actual par que poidan funcionar como depósitos adicionais.    

31,1 millóns de euros

Finalmente, Ángeles Vázquez lembrou que esta actuación forma parte da aposta da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático por modernizar as infraestruturas de abastecemento de auga en toda Galicia a través da mobilización de 31,1 millóns de euros ata 2029 para intervir en depósitos e estacións de tratamento co obxectivo de mellorar o servizo de máis de 300.000 persoas.

O obxectivo principal é facer un uso eficiente da auga e reducir a pegada hídrica na comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e abastecemento. Así mesmo, a conselleira tamén puxo en valor o apoio técnico e económico que a Xunta vén prestando aos concellos desde hai anos para que poidan exercer as súas competencias nesta materia dun xeito máis eficiente.