spacer
A II Foliada “Fraga do Petón” reunirá este sábado a quince grupos folclóricos da provincia en Galegos (Frades)

Todo listo no campo da festa da Fraga do Petón, na parroquia de Galegos (Frades), para acoller este sábado 12 de setembro a segunda edición da Foliada “Fraga do Petón”, un evento que mestura foliada, tradición, música e un xantar popular. Quince grupos folclóricos de toda a provincia tomarán parte nesta foliada, organizada pola Asociación Cultural Son da Terriña de Galegos, en colaboración co Concello de Frades e coa financiación da Xunta de Galicia e a Mancomunidade de Ordes, dentro do proxecto Nantronte.

A II Foliada “Fraga do Petón” arrincará este sábado 12 de setembro, ás 13:30 horas, cunha sesión vermú co grupo Faíscas da Pontraga (Tordoia), que dará paso a un xantar popular servido por unha polbeira do Carballiño para o que xa están vendidas case todas as entradas. Iso si, haberá carpa e cantina a cargo da organización onde se poderán degustar petiscos variados durante toda a tarde.

A partir das 18:00 horas terá lugar a gran foliada, presentada por Pablo Ríos. Polo escenario de Frades actuarán catorce agrupacións folclóricas da provincia: Pandereteiras de Reviravolta (O Pino), Garatuxeiros de Curtis, Larpeiros de Altamira (Cambre), Pandereteiras das Encrobas (Cerceda), Reviravolta de Lardeiros (O Pino), Musicoterapia de Palavea (A Coruña), Sarillo de Aiazo (Frades), Sementes do Arte (Ordes), Folque Ruada (Cerceda), Argalleiros (Oroso), Reiceiros de Ponte Carreira (Frades), Néboas no Cumio (Oroso) e Son da Terriña de Galegos (Frades), que dará paso a unha foliada aberta ata ben entrada a noite.