spacer
O centro de saúde de Ponte Carreira reabre as súas portas tras un investimento de máis de 150.000 euros

O centro de saúde de Ponte Carreira reabriu hoxe luns as súas portas despois de dous meses pechado e coa atención médica desviada ao consultorio de Abellá. Dous meses nos que o Concello de Frades e a Xunta de Galicia investiron máis de 150.000 euros nunhas obras de eficiencia enerxética, que permitirán incrementar o confort tanto dos pacientes como dos profesionais que traballan no centro.

Así o puideron comprobar o alcalde de Frades, Roberto Rey; o concelleiro de Sanidade, Manuel Ferreiro; e o concelleiro de Deportes, Juan Carlos Portos, durante unha visita previa ás instalacións, onde comprobaron que todo estaba perfectamente listo. “As obras consistiron no cambio de toda a arquitectura metálica do centro de saúde, así como a instalación dun novo sistema de calefacción, alumeado e aire acondicionado, polo que as condicións nas que se prestará a atención sanitaria aos nosos veciños e veciñas verase significativamente mellorada”, apunta Rey Martínez.

O centro de saúde de Ponte Carreira reabre as súas portas tras un investimento de máis de 150.000 euros

Detalle das obras

As obras incluíron a incorporación dun sistema de estanqueidade e illamento térmico entre carpintaría e obra, mediante aplicación dunha espuma adhesiva autoexpansiva elástica de poliuretano e a substitución da carpintaría exterior acristalada por carpintaría de aluminio con rotura de ponte térmico con vidro dobre de baixa emisividade térmica.

Tamén se colocou unha nova luminaria circular central, con lámpada LED suspendida, e outras luminarias LED de apoio. Ademais, instalouse un sistema de bomba de calor, con catro unidades interiores de aire acondicionado, e rehabilitouse enerxeticamente a fachada e o falso teito continuo a través dun illamento termoacústico de lá mineral.

O concelleiro de Sanidade, Manuel Ferreiro Marzoa, fixo fincapé “no bo labor desempeñado pola empresa adxudicataria, Construcións José Lagares, quen cumpriu escrupulosamente os prazos e o pasado luns 31 de agosto xa nos entregou as chaves con todo rematado, a falta da limpeza a fondo e recolocación do equipo médico realizado polo Sergas durante esta semana para que hoxe puideramos volver á normalidade no centro de saúde de Ponte Carreira”.

Compre lembra que o Concello de Frades xa presentou diante da Consellería de Sanidade un último proxecto para dotar a este centro dunha área de urxencias, que ten un importe de 37.122 euros. “Queremos pintar o interior de todo o centro de saúde e dotalo dunha sala de urxencias totalmente funcional”, apunta o Ferreiro Marzoa, quen apunta que “así cumpriremos un compromiso coa veciñanza de que ao final deste mandato teriamos un centro de saúde practicamente novo”. Unha actuación que o Concello prevé acometer no primeiro trimestre de 2027.