spacer
O Concello remata os traballos de afastamento dos estorniños da praza de Ponte Carreira para evitar as molestias que causaban entre a veciñanza

O Concello de Frades vén de solucionar un problema de saúde no municipio causado pola gran concentración de estorniños na contorna do parque municipal de Ponte Carreira e que dende hai semanas causaba molestias aos veciños e veciñas da zona. E é que as deposicións destes paxaros, cando se agrupan en grandes bandadas como neste caso, “son especialmente prexudiciais para a carrocería dos vehículos e para as instalacións municipais, ademais de poder causar problemas de saúde pública”, sinala Manuel Ferreiro, concelleiro de Sanidade e Limpeza Viaria de Frades.

Unha situación especialmente sensible no caso da praza de Ponte Carreira pois “é un lugar onde están emprazadas instalacións como son o parque infantil, a tiroliña e o parque biosaudable para os maiores, ademais de ser esta zona a sede da feira mensual. E, por moito que incrementamos as frecuencias de limpeza, non conseguiamos ningún avance”, apunta Ferreiro Marzoa.

Sen dano á fauna

Por iso, o Concello de Frades optou por recorrer un ano máis á contratación dun servizo especializado para realizar o control da poboación de estorniño negro (Sturnus unicolor) e pinto (Sturnus vulgaris) na contorna do casco urbano de Ponte Carreira. Una intervención, autorizada polo Servizo de Patrimonio Natural do Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que se levou a cabo durante a semana pasada.

Así, para conseguir o afastamento dos estorniños, mesturáronse sons de alarma da propia especie en horario nocturno con voos de intimidación con aguias de Harris adestradas, cuxos voos pola zona serviron para espantar o groso da poboación de estorniños que durmía na praza. Unhas actuacións nas que se evitou que os exemplares sobre os que se actuou sufriran ningún dano físico. 

“Con esta iniciativa agardamos poder afastar a estas aves dunha zona na que a súa presenza xera molestias aos veciños e problemas de limpeza diarios”, apunta Ferreiro Marzoa. A empresa continuará facendo actuacións de seguimento e control ata finais de decembro.

Este é o segundo ano consecutivo que o Concello de Frades ten que acudir a este servizo para afastar os estorniños da praza de Ponte Carreira. O ano pasado, a actuación tivo lugar no mes de novembro e conseguiu solucionar a problemática.