spacer
Comezan as obras de mellora da calefacción, o alumeado e a arquitectura metálica do centro de saúde de Ponte Carreira (Frades)

O Concello de Frades informa do inicio das obras de mellora da eficiencia enerxética no centro de saúde de Ponte Carreira, unha actuación que conta cun investimento de máis de 150.000 euros, financiados polo Concello e a Xunta de Galicia, e que contempla o cambio de toda a arquitectura metálica do centro de saúde de Frades, así como os seus sistemas de calefacción e de iluminación. Como consecuencia, a atención sanitaria trasladarase ao Consultorio de Abellá mentres duren os traballos e mantendo os mesmos horario de atención ca en Ponte Carreira.

O concelleiro de Sanidade, Manuel Ferreiro Marzoa, explica que esta actuación vai “mellorar de xeito moi considerable as instalacións e as condicións nas que se presta a atención sanitaria no centro de saúde de Ponte Carreira, o que beneficiará tanto á veciñanza como ao persoal sanitario que aló traballa”, lembrando que hai uns meses estiveron reunidos coa Xerencia da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza para organizar a loxística implícita a estas obras e para que a súa repercusión sexa a mínima posible para os veciños e veciñas de Frades.

Centro de saúde renovado

Por outra banda, Concello e Xunta traballan nunha nova actuación no centro sanitario de Ponte Carreira para dotalo dunha sala de emerxencias e pintar o seu interior. “Se a estas actuacións lle engadimos o cambio da cuberta no que investimos 50.000 euros en 2025, practicamente quedará un centro de saúde novo para unha mellor atención aos veciños”.

Con eses 50.000 euros, e grazas a outro convenio de colaboración entre o Concello de Frades e a Consellería de Sanidade, renovouse a cuberta do centro de saúde de Ponte Carreira, o que permitiu rematar cos problemas de humidades que afectaban a esta instalación. A antiga cuberta de chapas de aceiro foi substituída por outra de placas de policarbonato translúcidas e paneis sándwich illantes de aceiro. Así, o centro mellorou o seu illamento térmico e aumentou nun 90% a súa luminosidade.