spacer
O Concello de Frades adhírese á Rede de Concellos contra o Acoso Escolar

O alcalde en funcións, Manuel Ferreiro Marzoa, vén de asinar a adhesión do Concello de Frades á nova Rede de Concellos contra o Acoso Escolar, unha iniciativa promovida pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Ferreiro Marzoa asinou a adhesión a este convenio de colaboración, “entre cuxos obxectivos está o de fortalecer a coordinación administrativa para previr, detectar e abordar de forma eficaz calquera caso de acoso que poida xurdir no ámbito escolar”.

Esta nova rede centrará a súa actuación en catro eixos principais: a sensibilización, a prevención, a formación e a denuncia. A través dela, poderán artellarse recursos entre a Xunta e concellos como Frades, compartir boas prácticas e ofrecer un apoio coordinado tanto aos centros como ás familias e ao alumnado, garantindo unha intervención máis rápida e efectiva ante posibles casos de acoso escolar. Ademais, posibilitará establecer un seguimento sistemático e continuado destas situacións, incorporando unha perspectiva territorial que garanta a implicación activa de todos os actores responsables a nivel local mediante os servizos que prestan os concellos.