spacer
Grazas Frades: Máis de 200 kg de alimentos recollidos na Campaña de Nadal

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, e o concelleiro de Cultura e Voluntariado, Juan Carlos Portos Bra, veñen de facer entrega dos alimentos recollidos na XII Campaña Navideña de Recollida de Alimentos a prol de Cáritas. Unha doazón que foi recollida por María Flor Bravo e Mari Luz Gómez, veciñas do municipio e voluntarias en Cáritas Frades-Mesía. 

Durante os trinta días que a campaña estivo activa, os veciños e veciñas de Frades entregaron uns douscentos quilos de alimentos básicos (leite, aceite, azucre, pasta, arroz, legumes, conservas...) así como produtos do Nadal, todos eles debidamente etiquetados e coa data de consumo preferente non superada. Uns produtos que agora serán repartidos entre familias máis necesitadas do municipio para axudarlles a pasar unhas mellores datas de Nadal.

Roberto Rey agradeceu “a gran solidariedade amosada un ano máis por todos os veciños e veciñas de Frades que colaboraron na campaña”. Así mesmo, quixo poñer especialmente en valor “o compromiso e o traballo das persoas responsables dos distintos establecementos e entidades que tomaron parte nesta recollida solidaria, sen cuxa colaboración nada disto tería sido posible”. 

De feito, nesta edición contouse cun novo punto de recollida no supermercado Claudio da parroquia de Abellá, que se sumou aos xa tradicionais establecementos de Progando e o salón de peiteado Patricia Tacón (Abellá), os supermercados Claudio e Tandy (Ponte Carreira), a Cooperativa Central de Frades (Ledoira), o CPI Ponte Carreira e a propia Casa do Concello, emprazada en Cimadevila (Frades).