spacer
Frades e Ordes reciben un vehículo para o servizo de protección do ambiente financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou esta mañá Cimadevila onde puido comprobar o equipamento adquirido de maneira conxunta polos concellos de Frades e Ordes para o Servizo de protección do ambiente e do espazo natural, compartido por ambos os concellos e que contou cunha achega da Xunta a través do Fondo de Compensación Ambiental de 36.450 euros. A dotación adquirida foi un vehículo todoterreo eléctrico, con distintivo ambiental cero emisións e equipado cun gancho de remolque.

Unha entrega realizada na praza do Concello de Frades e á que asistiron os alcaldes de Frades, Roberto Rey Martínez, e de Ordes, José Luís Martínez Sanjurjo, que estiveron acompañados dos concelleiros de Medio Rural e de Cultura de Frades, Manuel Ferreiro e Juan Carlos Portos, e pola concelleira de Traballo de Ordes, Susana García.

Segundo indicou Natalia Prieto, os obxectivos do Fondo de Compensación Ambiental, dotado con 11,2 millóns de euros, son o impulso á sustentabilidade e á eficiencia enerxética das infraestruturas e equipamentos municipais. Apóstase tamén polas accións dirixidas á conservación da biodiversidade, o fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e a recuperación do medio natural degradado ou contaminado, entre outras.

A directora xeral enmarcou o apoio da Xunta nestas actuacións no compromiso coas administracións locais, como entidades máis próximas á cidadanía. Así, lembrou que o Goberno galego abre cada ano diversas liñas específicas para os concellos entre as que están tamén a orde de infraestruturas de uso municipal, o fondo adicional do Fondo de Cooperación Local e a iniciativa para proxectos municipais de carácter estratéxico. A través do conxunto delas, o concello de Frades recibiu nos últimos anos preto de tres millóns de euros.

Ademais, Natalia Prieto salientou a importancia da colaboración entre a Xunta e as entidades locais, xa que o apoio do Goberno galego permitiu no que vai de ano impulsar preto dun milleiro de proxectos, con actuacións en practicamente todos os concellos galegos.

Frades e Ordes reciben un vehículo para o servizo de protección do ambiente financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental