A Xunta impulsa con case 118.000 euros a mellora da eficiencia enerxética no edificio multiúsos de Frades
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou esta mañá o edificio multiúsos de Frades para comprobar as melloras realizadas co apoio da Xunta. Unha visita na que estivo acompañada polo alcalde de Frades, Roberto Rey, e os concelleiros de Medio Rural, Manuel Ferreiro, e Cultura, Juan Carlos Portos.
As obras contaron cunha achega autonómica de case 118.000 euros ao abeiro da orde plurianual para a realización de obras de eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas municipais, dotada con 5 millóns de euros e cofinanciada con fondos Feder. Os traballos centráronse na impermeabilización e no illamento da cuberta, na renovación das luminarias e equipos de iluminación interior, e na rehabilitación enerxética das instalacións térmicas, incluído o sistema de ventilación.
Así, procedeuse a rehabilitar a parte exterior da cuberta mediante unha solución lixeira de illamento térmico e impermeabilización e tella cerámica curva, creando unha cuberta unha cuberta totalmente impermeabilizada e ventilada. Ademais, aproveitouse para substituír canalóns e baixantes de augas pluviais. No interior, substituíronse os elementos de alumeado por lámpadas LED e se instalaron reguladores de luz, que permiten optimizar os consumos de enerxía. Finalmente, desmontouse o antigo equipo de calefacción e instalouse outro de bomba de calor. Así mesmo, instalouse un sistema de ventilación en ambas plantas, xa que o edificio carecía de el.
O alcalde de Frades puxo en valor estes traballos “xa que este edificio multiúsos é un lugar moi utilizado para a veciñanza, xa que aquí teñen lugar tanto os cursos de formación como actividades moi demandadas como pilates, ademais de acoller servizos como a biblioteca municipal, a aula de informática ou o Museo de Frades. Con estas actuacións melloramos sensiblemente as condicións de confort da veciñanza que utiliza estas instalacións tanto agora no inverno como durante o verán”.
Segundo explicou Natalia Prieto, a través desta convocatoria búscase facilitarlles aos concellos o aforro enerxético e económico, así como a mellora ambiental e do confort do persoal e da cidadanía usuaria dos servizos municipais. A directora xeral lembrou tamén que a Orde de axudas para melloras de eficiencia enerxética contribúe á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e á mitigación dos efectos do cambio climático, en liña coa Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 e no marco do Programa Feder Galicia 2021-2027.
Novas actuacións
A maiores, o Concello de Frades asinou un convenio de colaboración coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural por un importe de 48.398,86 euros para mellorar as instalacións do Centro de Cultura Tradicional “A herdanza do pasado”, emprazado no primeiro andar do edificio multiúsos. Unhas actuacións que deberán desenvolverse en dúas anualidades, 2025 e 2026, e nas que o Concello de Frades inviste 9.679 euros (20%).
A achega de 2025 xa foi executada nestes días coa elaboración de dous murais artísticos da man do recoñecido muralista Yoseba Muruzábal, un na fachada do edificio multiúsos de Frades e outro na entrada ao Centro de Cultura Tradicional “A herdanza do pasado”. O mural da fachada recolle as figuras de dous veciños da aldea da Pedreira (Moar), Dosinda e Avelino, dos que se di que foron os derradeiros en facer cantar o carro por Frades. O mural interior está dedicado a Ricardo Lagares (1928-2001), cantareiro, contacontos de Frades, e está baseado nunha fotografía tirada pola etnomusicóloga Dorothé Schubarth.