A Xunta destina preto de 50.000€ á posta en valor da contorna fluvial da área recreativa da presa
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Frades, Roberto Rey, asinaron esta mañá no centro sociocomunitario de Ponte Carreira un convenio de colaboración polo que a Xunta destina preto de 50.000 euros á recuperación do encoro sobre o río Tambre, que permitirá a posta en valor da contorna fluvial da área recreativa da Presa. Pola súa banda, o Concello de Frades encargouse de realizar o proxecto técnico, autorizado o pasado mes de xuño por Augas de Galicia, que minimiza o impacto da maquinaria precisa para realizar a actuación neste espazo natural emprazado no dominio público hidráulico da Demarcación Hidrográfica de Galicia Costa. Ademais, asumirá a titularidade do encoro unha vez rematadas as obras.
Deste xeito, Augas de Galicia asumirá o financiamento da actuación que permitirá restaurar un tramo de 15 metros do azude que, ademais de dar servizo a unha antiga central hidroeléctrica no limítrofe concello do Pino, xerou unha zona axeitada para o baño, que foi a orixe dunha das primeiras praias fluviais de Frades. Así, segundo explicou a conselleira, esta intervención permitirá devolver a este espazo todo o seu “valor ambiental e funcional”, e favorecerá o uso responsable desta contorna fluvial que é moi utilizado por veciñanza e visitantes para desfrutar do seu tempo de lecer.
O alcalde de Frades agradeceu “a boa disposición amosada dende o primeiro momento tanto dende Augas de Galicia como pola propia conselleira para buscarlle unha solución técnica para realizar estas obras coa menor afección posible ao medio natural. Conseguímolo e penso que este cambio de titularidade facilitará que dende o Concello poidamos realizar os traballos de mantemento e conservación na totalidade da área recreativa da Presa, unha das zonas de ocio máis concorridas do municipio, tal como se fai no resto das áreas recreativas do municipio”.
Os traballos, que teñen un prazo de execución de tres meses, consistirán na reconstrución do encoro mediante bloques de pedra granítica de entre 400 e 800 quilogramos. Un encoro que actualmente se atopa moi deteriorado debido ás enchentes e temporais dos últimos invernos e que deixaron en nada as reparacións acometidas por Augas de Galicia en outubro de 2023, consistentes no reforzo da estrutura do encoro e a recolocación das pedras movidas polas riadas, así como a retirada da biomasa sobre o río.
O alcalde de Frades agarda que as obras poidan comezar xa nas próximas semanas e poidan finalizar en breve, xa que non supoñen unha gran dificultade técnica. De feito, o maior desafío do proxecto foi como evitar o uso de maquinaria pesada na zona, polo que a empresa redactora do proxecto tivo que buscar métodos innovadores para minimizar o impacto dos traballos sobre a contorna do río Tambre. Unha vez finalizados os traballos, as instalacións serán cedidas ao Concello.
Ángeles Vázquez subliñou que esta actuación se enmarca na Estratexia para a posta en valor das contornas fluviais, cuxo obxectivo é impulsar a recuperación e mellora de elementos construtivos tradicionais e funcionais presentes nos ríos como represas, pontes peonís ou pasarelas, que forman parte do patrimonio hidráulico. Nese senso, a intervención prevista ten como obxectivo mellorar a seguridade e a accesibilidade a esta contorna, así como garantir a conservación dun elemento de gran valor histórico-etnográfico.
