spacer
O Concello de Frades informa sobre as normas e permisos para as cacharelas de San Xoán e San Pedro

O Concello de Frades informa sobre as normas e permisos necesarios para a realización de cacharelas nas noites de San Xoán e San Pedro. Unhas cacharelas cuxa celebración terá que ser comunicada previamente ao Concello (981 69 55 67) antes do venres anterior á festa ben pola entidade organizadora, ben polos veciños e veciñas que a poñan en marcha. Ademais, aquelas cacharelas que se realicen prazas, parques e áreas recreativas deberán contar tamén con previa autorización municipal. 

Unha vez conseguida a autorización ou comunicada a realización da cacharela, os organizadores deberán ter en conta varias normas de seguridade. No caso de que a cacharela se emprace sobre unha beirarrúa ou vía pública deberá protexerse o pavimento cunha capa de area. 

Ademais, todas as cacharelas deberán observar as normas básicas de seguridade tanto no que se refire ao seu volume como á súa separación de edificios e árbores. Non poderán situarse baixo ningún concepto baixo tendidos eléctricos ou telefónicos. Ademais, non se poderá queimar obxectos como: plásticos, PVC, caucho, rodas ou materiais que poidan estalar, como os sprais. 

Por outra banda, a organización da cacharela deberán dispoñer de material de extinción (extintores, mangueiras...) e deberá comprobar que, ao rematar a festa, as cinzas da cacharela quedan totalmente apagadas. Ademais, deberá retirar os restos coa maior brevidade posible.

No caso de facer caso omiso a estas normas básicas, as persoas organizadoras serán as responsables dos danos que se puideran producir nos bens públicos e deberán abonar os gastos de reconstrución e reparación que sexan precisos. Por último, o Concello de Frades lembra que en caso de emerxencia: chamar ao 112.

O Concello de Frades informa sobre as normas e permisos para as cacharelas de San Xoán e San Pedro