Gran éxito da actuación teatral do alumnado do CPI Ponte Carreira ante os maiores do centro sociocomunitario de Frades
Un total de 24 nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria do CPI Ponte Carreira visitaron o centro sociocomunitario de Frades para poñer en escena “A Festa das Letras”, unha divertida peza teatral que representaron diante de 25 persoas maiores, tanto usuarias do centro como da casa do maior “O noso fogar”. Unha divertida actuación incluída no proxecto “Lecturas compartidas cos nosos maiores”, posto en marcha polo CPI Ponte Carreira, a través do equipo de dinamización da lingua galega e da biblioteca do centro, en colaboración co Concello de Frades.
Unha actuación comprometida pola rapazada despois do éxito acadado na primeira sesión do programa, na que deron lectura a dous contos infantís para despois colaborar cos maiores na realización duns bonecos chamados “quitapenas”, que se supón fan desaparecer os problemas. Nesta ocasión, a rapazada escolleu unha divertida obra teatral na que unha narradora trata de contar o conto de carapuchiña vermella, pero vese interrompida constantemente por divertidas aparicións de todo tipo de personaxes de conto: piratas, a Cincenta, Cruella de Vil... e mesmo superheroes como Thor ou o Capitán América.
Durante algo máis de quince minutos, o salón de actos do centro sociocomunitario converteuse nun escenario no que a rapazada non deixou de interactuar cos maiores, un público totalmente entregado e participativo que non deixou de aplaudir a actuación dos pequenos e pequenas.
O concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa, felicitou tanto ao alumnado como ao profesorado do CPI Ponte Carreira por “esta gran iniciativa, pois é un pracer ver a maiores e rapazada desfrutando xuntos. Son un gran defensor dos encontros interxeracionais porque temos que coidar dos nosos maiores, pois grazas a eles somos o que somos, e tamén dos nosos nenos e nenas, que son o noso futuro. Por iso, parabéns ao profesorado por esta actividade que agardo que teña continuidade en próximos cursos”.
