spacer
Roberto Rey toma posesión como alcalde comprometéndose a “seguir mellorando a vida de todos os veciños e veciñas para que se sintan orgullosos de vivir no seu concello”

Roberto Rey Martínez tomou posesión como alcalde de Frades para os vindeiros catro anos durante un acto celebrado esta mañá nun salón de plenos cheo ata a bandeira. Rey Martínez foi  reelixido alcalde cos 6 votos a favor do Partido Popular, mentres que os 4 concelleiros do PSOE apoiaron ao seu candidato, Enrique Astray, e a concelleira do BNG, Belén Pazos González, votouse a si mesma.

Roberto Rey comezou dando a benvida ás catro novas concelleiras (3 do PSOE e 1 do BNG) que hoxe tomaron posesión e que converten á corporación de 2023-2027 na máis paritaria da historia de Frades. Así mesmo, agradeceu o traballo feito polos catro concelleiros que deixaron o seu cargo “especialmente ao meu compañeiro Óscar Botana, que estivo oito anos traballando polo mellor para os seus veciños e veciñas”.

Rey Martínez agradeceu a alta participación nas eleccións do pasado 28 de maio: “grazas a todos os que apoiaron a miña candidatura e tamén aos que votaron outras opcións políticas xa que eu seguirei sendo o alcalde de todos e todas, como fixen dende que tomei posesión deste cargo no ano 2012”. Así mesmo, tendeu a man aos grupos da oposición: “eu tratarei de reunir todos os consensos posibles e a miña man estará tendida para lograr o mellor para os nosos veciños e veciñas”.

Tras un agradecemento especial á súa familia porque “moitas veces as enfermidades traen consigo tamén cousas boas como que a familia estea máis unida ou que sexamos máis fortes para afrontar novos retos no futuro”, Roberto Rey destacou que Frades é “referente na comarca e na provincia polos servizos que damos á veciñanza, pero tamén sabemos que temos que avanzar noutras cousas. Por iso, imos traballar arreo durante os próximos catro anos para seguir mellorando a vida de todos os nosos veciños e veciñas de Frades, para que se sintan orgullos de vivir no seu concello e tamén dos seus gobernantes”.

A mesa de idade estivo composta por segunda vez consecutiva por Jesús Francos Sánchez (PP) e Enrique Astray Otero (PSOE). A corporación municipal de Frades para os próximos 4 anos queda constituída do seguinte xeito:

Roberto Rey Martínez (alcalde). PP
María de los Ángeles Álvarez Carro. PP
Jesús Miguel Prado Cea. PP
Manuel Ferreiro Marzoa. PP
Jesús Francos Sánchez. PP
Juan Carlos Portos Bra. PP
Enrique Astray Otero. PSOE
Lucía García Blanco. PSOE (independente)
Ana María Rodríguez Suárez. PSOE
Mariña García Méndez. PSOE.
Belén Pazos González. BNG

Roberto Rey toma posesión como alcalde comprometéndose a “seguir mellorando a vida de todos os veciños e veciñas para que se sintan orgullosos de vivir no seu concello”