As operadoras de telefonía móbil Telefónica, Vodafone e Orange veñen de comezar a ofrecer en Frades os seus servizos sobre a rede 4G na banda 800MHz, o que permitirá aos fradenses desfrutar de conexións móbiles de alta velocidade sobre tecnoloxía LTE (4G) cunha mellor cobertura no interior dos edificios e maior extensión xeográfica. Para garantir a compatibilidade da nova tecnoloxía coa Televisión Dixital Terrestre (TDT), os operadores puxeron en marcha Llega800, entidade encargada de solucionar calquera afectación na recepción do sinal de televisión.

O Concello de Frades vén de publicar na súa páxina web (Desplegue 4g na banda de 800mhz) unha guía sobre como actuar no caso de que algún veciño ou veciña do municipio teña algún problema coa recepción da TDT por mor da implantación desta nova tecnoloxía. Coa chegada do novo 4G a Frades continúa o proceso de implantación que se está realizando de forma paulatina por toda a xeografía nacional dende o pasado mes de xullo e que culminará en marzo de 2018.