O Pleno municipal de Frades aprobou hoxe por unanimidade o establecemento de bonificacións fiscais para empresas que xeren emprego no municipio, ben sexa instalándose en Frades ou ben ampliando as súas instalacións e creando novos postos de traballo. A rebaixa supón a inclusión do Concello no protocolo 'Doing Business Galicia', subscrito entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para atraer e incentivar a actividade industrial. 

As ordenanzas fiscais municipais que se modificarán, despois da aprobación inicial de hoxe, son a do Imposto de Bens Inmobles (IBI) de natureza urbana, a do Imposto de Actividades Económicas (IAE) e a do Imposto de Instalacións, Construcións e Obras. Nos tres casos, as bonificacións que se establecen van desde o 50% ata o 95% do importe a pagar, dependendo do volume de emprego xerado pola iniciativa empresarial beneficiada. Así, o desconto será do 50% para empresas que xeren ata dez postos de traballo, de cando menos o 75% para as que creen entre once e vinte empregos, e do 95% para as que supoñan máis de vinte postos novos. 

As bonificacións concederanse tanto á implantación de novas actividades económicas declaradas de especial interese ou utilidade municipal como á ampliación de instalacións das xa existentes sempre e cando impliquen a xeración de emprego. Este beneficio fiscal deberá ser solicitado pola parte interesada e o Pleno do Concello decidirá sobre a súa concesión. 

O alcalde de Frades, Roberto Rey, explica que “Frades é un dos primeiros Concellos en sumarse ao protocolo 'Doing Business' da Xunta e a FEGAMP, que pode axudarnos á implantación de empresas no noso territorio cando dispoñamos do solo industrial contemplado no Plan Xeral de Ordenación Municipal”. Ademais, a aplicación deste protocolo suporá un plus de puntuación para o Concello cando concorra a diversas convocatorias autonómicas de subvencións e axudas.