spacer
O Pleno de Frades aproba por unanimidade o POS+ 2018, que destina máis de 360.000 euros a obras e 214.000 euros a gasto corrente

O Pleno Municipal do Concello de Frades aprobou esta tarde por unanimidade o Plan Único de Concellos “POS+ 2018”, que destinará 361.112,97 euros a obras e 214.323,87 euros a gasto corrente. O alcalde de Frades, Roberto Rey, explicou que por segundo ano consecutivo o Concello de Frades non se acollerá ao PAI, dotado con 190.060,69 euros, xa que “somos un Concello sen débeda e se nos acollésemos incumpririamos a regra de gasto e teriamos que facer un Plan Económico Financeiro”.

Así, os 210.280,02 da achega de 2017 destinaranse a dous proxectos de obras, que “inclúen traballos de reparación de camiños e tamén anchear varias pistas, para conseguir que teñan cando menos cinco metros de ancho. Como son uns traballos moi caros, nestes proxectos só van os sobreanchos”, explicou Roberto Rey. 

POS+ 2018

O primeiro dos proxectos incluído no Plan Único de Concellos “POS+2018” é “Camiño a Tarrentos (Añá) e outros”, orzamentado en 97.828,33 euros e que inclúe sete actuacións: mellora dos accesos aos Currillos (Vitre), á área recreativa da Presa (Ledoira), ás Quintas (Ledoira), á Capela de San Nicolao (Frades) e ao depósito municipal de auga (Gafoi), así como mellora dos camiños entre O Fontelo e DP-3802 (Aiazo) e do camiño a Tarrentos (Añá). 

O segundo proxecto, “Camiño ao Fontao (Abellá) e outros”, conta cun orzamento de 112.451,69 euros e inclúe outras cinco actuacións noutros tantos camiños: camiño ao Fontao (Abellá), camiño entre A Pedreira do Medio e Moar (Moar), camiño de Vista Alegre ao Pazo (Galegos), camiño de Quintán ao cemiterio de Abellá e camiño de Consello ao Zochal (Papucín).

Plan Complementario

No que atinxe ao Plan Complementario do Plan Único de Concellos “POS+ 2018”, orzamentado en 150.832,95 euros, inclúense tamén dous proxectos. O primeiro deles, “Accesos ao Casal (Vitre) e outros”, está orzamentado en 64.836,02 euros e inclúe cinco actuacións: mellora dos accesos ao Casal (Vitre), á Igrexa de Galegos e ao cemiterio de Añá, así como a reparación de fochas e o arranxo do camiño O Castro-Cruz de Canedo e o camiño da Taberna á Vila, ambos na parroquia de Abellá.

O segundo proxecto, “Camiño Igrexa á Devesa (Aiazo) e outros”, está orzamentado en 85.996,93 euros e inclúe melloras en catro camiños: camiño Igrexa á Devesa (Aiazo), camiño entre o local social e a N-634 (Céltigos), camiño entre A Devesa e Oroso e o camiño entre San Martiño e San Mauro (Frades).

Por outra banda, os 214.323,87 euros da achega 2018 serán destinados a gasto corrente, concretamente a gastos de alumeado público (máis de 140.000 euros), lixo (52.000 euros) e financiamento de proxectos procedentes das distintas liñas de subvención. 

Debate

Ambos os grupos municipais coincidiron na necesidade de todas estas obras e na de acometer moitas máis, algunhas das cales serán recollidas nos orzamentos de 2018, que serán presentados na primeira semana de 2018. Neste sentido, o voceiro do BNG, Xosé María Pérez, recordou o ofrecemento do alcalde á oposición de presentar iniciativas ao POS+, se ben recoñeceu que “este ano non fixemos ningunha”. Así mesmo, indicou que “algo que vexo moi ben este ano é o de anchear as pistas, pois é algo que se debería facer en todas”. 

Pola súa banda, Roberto Rey recordou que “este ano non se presentou nada. O ano pasado, si e colléronse obras” e aproveitou tamén para solicitar o apoio do BNG na Deputación pois “estamos esperando dende xullo unha xuntanza co presidente da Deputación e non hai maneira e penso que, sendo o BNG parte do Goberno da entidade provincial, tamén poden facer presión para que se fagan as beirarrúas de Ponte Carreira, un proxecto que presentamos hai anos, que sempre se di que vai ir adiante pero que non se dá licitado”.

O Pleno de Frades aproba por unanimidade o POS+ 2018, que destina máis de 360.000 euros a obras e 214.000 euros a gasto corrente