spacer
Os nenos e nenas de Preescolar na Casa e de Infantil e Primaria do CPI Ponte Carreira (Frades) reciben a visita de Papá Noel

Os nenos e nenas de Preescolar na Casa e os de Infantil e Primaria do CPI de Ponte Carreira recibiron a visita de Papá Noel quen, acompañado pola súa axudante elfa, recolleulles as súas cartas e escoitou as súas peticións de agasallos para os próximos días. Unhas misivas que intercambiou por lambonadas e diferentes creacións de globoflexia. Unha visita na que estiveron acompañados polo alcalde de Frades, Roberto Rey.

Esta visita abre o programa especial de Nadal do Concello de Frades, que culminará o vindeiro xoves 4 de xaneiro coa tradicional cabalgata e festa de Reis. O Concello de Frades lembra que este venres 22 de decembro remata o prazo para inscribirse nos Campamentos Municipais de Nadal, que terán lugar ao longo de 8 días coincidindo coas vacacións escolares de Nadal.

Programa de Nadal

O campamento está dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos e terá lugar no multiúsos de Frades, de 9:30 a 13:30 horas, dos días 26 ao 29 de decembro e do 2 ao 5 de xaneiro. O prezo é de 25 euros para persoas empadroadas, cun desconto de 5 euros para o segundo irmán ou irmá. As persoas non empadroadas aboarán 35 euros.

Para o próximo venres 26 de decembro queda a Gran Festa de Nadal, de 16:00 a 20:00 horas, coa actuación especial de Teatro Ghazafelhos, que porá en escena a obra “Bon Appetit”. Unha gran festa con música, xogos e obradoiros de Nadal á  que están convidados todos os nenos e nenas de Frades. A entrada é de balde, se ben por razóns de loxística é preciso anotarse antes do 21 de decembro.

Así mesmo, o sábado 30 de decembro, ás 16:30 horas, o multiúsos de Frades acollerá a actuación do Mago Dani e unha festa de Aninovo con mascotas e obradoiros de Nadal. Unha iniciativa de participación gratuíta, se ben é preciso anotarse no Concello antes do 26 de decembro.

Excursións

O Programa de Nadal de Frades inclúe tres excursións, para as que é preciso inscribirse previamente no Concello (981 695 567). A primeira é unha saída á Coruña o xoves 28 de decembro con visita ao parque de xogos Fan Square, onde os nenos e nenas de Frades desfrutarán dunha infinidade de xogos, consolas e actividades. Pola tarde, visitarán unha exposición de cómic e terán un divertido obradoiro. O prezo da viaxe é de 15 euros para persoas empadroadas e 20 para non empadroadas, prezo que inclúe os desprazamentos, a comida e as entradas ao parque e ao museo do cómic.

Coa chegada de 2018 volverá unha das saídas tradicionalmente máis concorridas: a visita ao parque de atraccións de Xuvenlugo. Nesta ocasión terá lugar o martes 2 de xaneiro e o prezo será de 5 euros para persoas empadroadas e de 8 para non empadroadas. Finalmente, o mércores 3 de xaneiro a saída é máis próxima, concretamente á pista de xeo de Ordes, onde o Concello de Frades aboará o custo da entrada ás persoas empadroadas no municipio mentres que o transporte correrá por conta propia. As persoas non empadroadas deberán aboar os 5 euros da entrada.

A programación culminarase o xoves 4 de xaneiro coa tradicional cabalgata e festa de Reis, que terá lugar de 16:00 a 20:00 horas. Así, ás 16:00 sairá o desfile polas rúas de Ponte Carreira ata o pavillón polideportivo municipal, onde a partir das 17:00 horas terá lugar unha gran festa con inchables, animación, bailes, xogos, obradoiros, mascotas, lambonadas e chocolate con roscón de Reis para todas as persoas que asistan. Unha actividade organizada polo Concello de Frades, en colaboración coa ANPA e o CPI de Ponte Carreira e o grupo Sarillo (Aiazo).

Os nenos e nenas de Preescolar na Casa e de Infantil e Primaria do CPI Ponte Carreira (Frades) reciben a visita de Papá Noel