spacer
O Concello de Frades inicia as obras para acondicionar a planta superior do edificio multiúsos, nas que investirá case 60.000 euros

O Concello de Frades vén de iniciar as obras de acondicionamento da planta superior do edificio multiúsos, orzamentadas en 59.754,52 euros e cun prazo máximo de execución de seis meses. Uns traballos que permitirán poñer á disposición da veciñanza un espazo que na actualidade non ten ningún tipo de uso, xa que é unha planta que está sen rematar e atópase con acabados de obra, é dicir, en formigón e ladrillo.

Os traballos consistirán na instalación dun falso teito de escaiola lisa continua nos 215 metros cadrados da sala, onde se colocará un solado de baldosa de gres esmaltado. Ademais, colocarase a instalación eléctrica precisa, así como oito radiadores eléctricos. Tras o rebocado e caleado de xeso das paredes, procederase ao seu pintado en pintura plástica branca.

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explica que “o obxectivo destas obras é poñer á disposición da veciñanza un novo espazo no edificio multiúsos, que ás veces comeza a quedar pequeno cando coinciden cursos de formación e actividades”. O alcalde indica que “acondicionando a segunda planta estamos rematando as obras deste edificio e gañaremos espazo para unha nova aula para impartir cursos de formación e mesmo para unha biblioteca”. 

De feito, a idea inicial do Concello de Frades é trasladar á segunda planta a sala etnográfica con apeiros do campo, actualmente emprazada na planta baixa. “É unha simple cuestión de operatividade, xa que así evitamos que os nenos e nenas teñan que subir polas escaleiras e porque a planta baixa conta tamén con baños”, explica Roberto Rey.

O Concello de Frades inicia as obras para acondicionar a planta superior do edificio multiúsos, nas que investirá case 60.000 euros