spacer
O Pleno de Frades aproba por unanimidade bonificar o 95% do IBI a 190 explotacións agrarias ou gandeiras do municipio

O Concello de Frades celebrou esta mañá dúas sesións extraordinarias consecutivas: unha para aprobar as solicitudes daqueles veciños e veciñas que pediron a bonificación do 95% da cota íntegra do Imposto de Ben Inmobles (IBI) por ser inmobles nos que se desenvolven exclusivamente actividades agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario; e unha segunda a petición do grupo municipal do BNG para debater sobre a suba das peaxes e a transferencia a Galicia da AP-9. 

O Pleno municipal aprobou por unanimidade declarar de utilidade pública os 190 inmobles que o solicitaron e que afectan a un total de 215 referencias catastrais por un valor de 6.225.349,73 euros. Agora corresponderalle á Deputación da Coruña, entidade na que o Concello de Frades ten delegada a recadación de taxas e impostos, aprobar formalmente as bonificacións.
 
O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explicou que “estas 190 solicitudes teñen un valor catastral de 6.225.349,73 euros, polo que tiñan que aboar 18.776,05 euros de IBI. Grazas á bonificación que aprobamos, o Concello de Frades deixará de ingresar 17.827,74 euros, que quedarán nos petos dos nosos gandeiros e gandeiras”. A maiores, o Pleno aprobou a devolución do IBI agrario de 2017 para un veciño que non foi bonificado o ano pasado debido a un cambio de titularidade.

Abastecemento a Moar e Añá

Así mesmo, o Pleno tamén aprobou por unanimidade o proxecto para o abastecemento de auga das parroquias de Moar e Añá, orzamentado en 790.821,37 euros e que executará a Xunta de Galicia en virtude do convenio de colaboración asinado o 20 xullo de 2016 polo alcalde de Frades, Roberto Rey, e a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato. O acordo tomado hoxe ratifica o compromiso do Concello de Frades de poñer á disposición da Consellería todos os terreos precisos para a execución das obras libres de gravames; obter os permisos e licenzas precisos, sen repercutir ningún gasto sobre a Administración autonómica; e asumir a conservación e o mantemento das instalacións unha vez rematadas.

Na actualidade, os habitantes das parroquias de Moar e Añá abastécense de traídas particulares, pozos e outros métodos. O obxectivo destas obras é dotar dunha rede primaria de abastecemento de auga o núcleo de Moar e executar pequenos ramais secundarios que abastezan ás vivendas da zona que non dispoñen de conexión á dita rede, entre os que figuran núcleos importantes de poboación como Campoduro e O Cadaval, das parroquias de Céltigos e Ledoira. 

“Con esta obra só nos quedará por levarlle a auga a unha zona da parroquia de Abellá, no lugar do Peñasco, para completar o abastecemento de auga a todo o municipio”, concluíu Roberto Rey, quen volveu agradecer o compromiso da Xunta con Frades e o rural galego “xa que o Concello de Frades non podería nunca asumir en solitario esta obra”.

Moción AP-9

Finalmente, na segunda sesión plenaria da xornada, celebrada a petición do grupo municipal do BNG, aprobouse unha moción do grupo nacionalista que rexeita a suba das peaxes e insta á Xunta de Galicia a seguir demandando a transferencia da AP-9 a Galicia e a supresión da peaxe Vigo-Rande, tal e como se aprobara no Parlamento de Galicia. O voceiro do BNG en Frades, Xosé María Pérez Lagos, indicou que “o que queremos é que esta infraestrutura xere beneficios para Galicia e ter unhas boas comunicacións para poder crecer todo o que queiramos”.

O voceiro do grupo de Goberno, Manuel Ferreiro Marzoa, amosouse de acordo co fondo da moción, pero advertiu de que “con demagoxia non se vai acadar nada”. Neste sentido asegurou que “estamos de acordo con que a AP-9 debe ser galega, pero non debemos confundir á xente e que pense que a transferencia é igual á gratuidade”. Ademais, lembrou que “a suba das peaxes é consecuencia da ampliación da autoestrada en Vigo e Santiago, asinada polo Goberno socialista de Rodríguez Zapatero” e polo que “a Audasa non só lle pagamos as obras dos petos dos galegos, senón que lle damos un 8% de intereses”.

Finalmente, Roberto Rey ofreceu aprobar a moción sempre que constase nela que “a suba das peaxes foi aprobada no Real Decreto de 24 de novembro de 2011 polo Goberno socialista de Rodríguez Zapatero”. Unha proposta que foi aceptada polo BNG, de xeito que a moción foi aprobada cos 3 votos a favor do BNG e as 6 abstencións do PP.

O Pleno de Frades aproba por unanimidade bonificar o 95% do IBI a 190 explotacións agrarias ou gandeiras do municipio