spacer
A Casa do Concello acollerá o 30 de abril o levantamento de actas previas relativas á expropiación para a construción da senda peonil Ponte Carreira-Aiazo

O BOP publica hoxe o anuncio de levantamento de actas previas á ocupación relativa á expropiación para a execución das obras de mellora da seguridade viaria na DP-3802 ao seu paso polo municipio de Frades. Unha obra consistente na construción dunha senda peonil pola marxe esquerda desta estrada provincial entre os núcleos de Ponte Carreira e Aiazo e que conta cun orzamento de 527.175,85 euros.

O levantamento de actas terá lugar o vindeiro 30 de abril, de 16:00 a 19:00 horas, na Casa do Concello de Frades e a el están convocados un total de 47 propietarios de 5.435 metros cadrados que é preciso expropiar para o inicio das obras. Uns terreos dedicados na súa maioría a eucaliptal, labradío ou horta. Ao acto deberán acudir os titulares afectados, ben persoalmente ben representados por unha persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome e achegando: documentos acreditativos da titularidade do terreo, DNI, tarxeta do Número de Identificación Fiscal e o último recibo do imposto sobre bens inmobles.

Expropiación vs cesión gratuíta

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, celebra un novo paso adiante nunha obra solicitada formalmente no ano 2009 e que foi aprobada polo pleno provincial do venres 29 de setembro. Así mesmo, destaca que a obra licitarase nunha única anualidade e que a Deputación achegará 48.066,64 euros para pagar as expropiacións de terreo aos veciños e veciñas propietarios. “Finalmente, a obra licitarase tal e como solicitou o Concello de Frades dende o primeiro momento e a pesar dos intentos de forzar a división do proxecto ou de pedir que fose o Concello quen negociara cos veciños a cesión gratuíta dos terreos, algo totalmente inxusto cando noutro concello polo que pasa esta mesma estrada si que se pagaron as expropiacións”, recorda Roberto Rey.

O proxecto inclúe a construción dunha senda peonil de case 2,5 quilómetros de lonxitude entre os núcleos de poboación de Aiazo e Ponte Carreira, seguindo a marxe esquerda da estrada DP-3802. Na actualidade o tránsito de peóns pola zona é moi perigoso xa que na maior parte do traxecto non hai cunetas transitables nin apenas lugares onde apartar no caso de paso de vehículos, polo que as persoas vense na obriga de camiñar pola calzada. Ademais, esta é unha das estradas de maior tránsito de vehículos no municipio. Unha vez realizadas as expropiacións dos terreos e de seren licitadas as obras, o prazo de execución será de seis meses.

A Casa do Concello acollerá o 30 de abril o levantamento de actas previas relativas á expropiación para a construción da senda peonil Ponte Carreira-Aiazo