spacer
A rapazada do CPI de Xanceda visita o Museo da Cultura e Tradicións de Frades (MUFRA)

Os nenos e nenas do CPI de Xanceda (Mesía) realizaron hoxe unha visita ao Museo da Cultura e Tradicións de Frades (MUFRA), xusto cando se cumpre un ano da súa apertura. Unha visita na que foron recibidos polo concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro, quen lles explicou que este proxecto xurdiu do interese do Concello de Frades por “recoller e amosarlles a nenos e nenas coma vós a rica herdanza que nos deixaron os nosos antepasados, ao tempo que coñecemos dun xeito divertido como era a súa forma de vida e os seus costumes a través de distintos obxectos, documentos e fotografías”.

A visita estivo guiada polo coordinador do MUFRA, o historiador Manuel Pazos, quen guiou á rapazada polas distintas salas do museo. Entre as que máis expectación espertaron entre os nenos e nenas estaban a área etnográfica, con todos os elementos propios dunha casa rural (os apeiros de labranza e dos oficios tradicionais da comarca), a da escola de antes (con encerados, pupitres, mapas, manuais escolares, xogos...) e a sección tecnolóxica (con cámaras fotográficas analóxicas, casetes, tocadiscos, teléfonos de casa, máquinas de escribir...).

Esta é a segunda visita guiada que fan os nenos e nenas do CPI de Xanceda dende a apertura do MUFRA, a anterior tivera lugar nas vacacións de decembro de 2023. Neste ano aberto, preto de cincocentos nenos e nenas de toda a comarca teñen visitado as instalacións deste museo, nacido ao abeiro do proxecto Centro de Cultura Tradicional “A Herdanza do Pasado”, promovido polo Concello de Frades e financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGeneration (en cuxa xestión participaron a Axencia Galega das Industrias Culturais, o Ministerio de Cultura e Deporte do Goberno de España e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia). 

As visitas ao MUFRA son totalmente gratuítas, se ben é preciso concertalas previamente chamando ao Concello de Frades (981 695 567), á asociación Acervo, acción cultural (680 824 910) ou enviando un mail a museofrades@frades.gal.